orixe do Cabo, curioso xogo de palabras, está en Chantada, como puido estar noutro sitio. Pero foi na terra do cocido, ou dos mares interiores (vivan os lemas de folleto turístico!) onde naceu, aló pola primavera do 2002, a idea de facer esta trasnada. Axudaron, primeiro, os trasnos mais espelidos da comarca, os mais trastes; e os donos dos trebellos capaces de almacenar a maxia das ribeiras nos seus vidros embruxados. Tele20, tele local con algo de trasno, e ao seu redor, un grupo cada vez mais grande foi parindo un proxecto que se alimenta das lendas do lugar, dos sentimentos, das tradicións. Sen saber nada ou case nada das técnicas, a ilusión e as ganas foron as musas de guionistas, actores e demais técnicos sen apenas técnica e experiencia. Tod@s aprendemos sobre a marcha. Tod@s temos aínda moito que aprender. Pero xa están a serie gravada en 6 capítulos, grazas ao apoio do pobo de Chantada que nos alimentou, aturou e riu as nosas grazas na presentación pública do capítulo primeiro, o 13 de Agosto na praza do Cantón. Alí Chantada puido verse nun espello. Ou polo menos é iso o que pretendemos. Devolver Chantada ao Cabo do Mundo, rescatar a súa memoria e o seu presente.
Máis de corenta pirad@s fixemos posíbel isto. As equipas de traballo montadas foron cada vez mais autónomas, podes ver as súas funcións descritas nesta web.
Temos moitas historias que contar, precisamos que ti nos botes unha man, que merques as nosas chapas para axudar a cubrir os gastos da produción. Isto é unha serie pero pode ser moito mais.
O Cabo do Mundo non ten fin!
|